Continuamos coa sección que comezamos o pasado curso: unha serie de artigos na que analizaremos a ciencia ou a ficción de filmes ou novelas de ficción científica. Analizamos desta volta o clásico da ciencia ficción cinematográfica The Matrix.
Autor: Leonor Parcero
Asesores científicos: Casto Rivadulla, Esteban Vázquez
Moito se ten comentado entre cafés e nos medios de comunicación sobre a socioloxía e a filosofía presentes no filme dos irmáns Wachowski The Matrix (1999). Sempre se di que trata o dilema de se nos engana o noso propio cerebro e a nosa percepción, que é real e que non, cítase o mito da caverna de Platón, a Baudrillard ou a K. Dick, analízanse as fontes das que bebe o argumento… e todos chegamos a preguntarnos se vivimos en Matrix. Tanto é así que un grupo de científicos estadounidenses crearon en 2012 un test co que afirmaban poderemos descubrir se o noso mundo é en realidade una simulación informática, se vivimos no interior dun cosmos artificial.
Pero fóra de todas esas consideracións, tense falado moito menos da ciencia presente no filme. Podemos facer agora unha pequena análise da ciencia e tecnoloxía que soportan o argumento.
As máquinas toman conciencia de si mesmas e atacan á humanidade
Igual que no clásico Terminator (James Cameron, 1984), Matrix preséntanos un mundo onde a raza humana foi derrotada polas máquinas, que nun momento determinado chegan a tomar conciencia de si mesmas. A Intelixencia Artificial triunfa sobre o home, Skynet esperta e remata coa civilización tal e como a coñecemos.
Se nos preguntamos que pode chegar a facer unha máquina hoxe en día, a sorpresa seguramente será maiúscula para o público non especializado. Por exemplo, recentemente, o uso de Redes Neuronais Profundas, unha evolución sobre as redes neuronais tradicionais, está a acelerar o avance na clasificación de imaxes ou no recoñecemento de linguaxe natural por un ordenador. Incluso un dispositivo que levamos no peto é capaz de entendernos e dar resposta ás nosas peticións (con maior ou menor éxito). Estudos recentes, amosaron a potencia destas redes para explicar escenas complexas e igualar a capacidade de primates no recoñecemento de obxectos. O principal factor limitante para esta aprendizaxe é a inxente cantidade de datos e a elevada carga computacional necesarios para o adestramento. Sen embargo, estas barreiras son cada día menos difíciles de franquear. Por tanto, poderiamos dicir que estamos no punto en que as máquinas se están facendo coa capacidade de percibir, interpretar e tomar decisións, aínda que polo de agora sexan dirixidas.
O proxecto Human Brain, dotado con 1000 millons de euros pola UE en 10 anos, ten como obxectivo final crear unha réplica dun cerebro nun ordenador. Parece moi complicado que o consigan, pero de facelo ese sistema tería incluso consciencia.
Tranquilos, non hai de momento motivos de preocupación, aínda falta para que tomen conciencia de si mesmas… pero non tanto como podería parecer.
As granxas de seres humanos
Na película, as máquinas (intelixencias artificiais) fixéronse co control da Terra e utilizan aos seres humanos como baterías, como fontes de enerxía. Como espectador un se pregunta “son eu unha pila?” E a resposta resulta ser si. Os humanos somos baterías con patas, temos 85.000.000 millóns de neuronas, que en realidade son pequenas pilas que se cargan e se descargan continuamente. Tamén o son as células dos músculos, pero en Matrix as máquinas teñen aos humanos almacenados quietos e os músculos non xeran electricidade. O que fan é aproveitar a enerxía xerada pola actividade dos cerebros, algo que sería posible de contar coa tecnoloxía axeitada para aproveitala, porque estar, está, e todos poderiamos ter un porto USB onde enchufar os nosos aparellos electrónicos e non quedar nunca, por exemplo, sen batería no móvil.
Mais a forma máis fácil de aproveitar esta electricidade sería facendo que tódalas neuronas se carguen e descarguen á vez. O momento no que isto está máis preto de pasar é cando durmimos (ao estar espertos cada neurona vai ao seu ritmo), polo que seriamos máis rendibles en estado permanente de sono e non sería necesaria a creación dun entorno virtual tan complexo, non sería necesaria esa vida virtual.
Un localizador que entra polo embigo
O “robot insecto” que fai de localizador que o axente introduce a Neo, élle introducido e retirado polo embigo, nun coche en marcha, sen marcas de cortes nin sangue de por medio. Pois ben, hoxe en día estase utilizando o embigo en cirurxía abdominal como porta de entrada para os aparellos de laparoscopia, que teñen o grosor dun bolígrafo ou pouco máis. Trátase de facer as menos incisións posibles e aproveitar os furados que xa existen de xeito natural para acceder á cavidade abdominal, evitando así outros cortes que, deixando a un lado a compoñente estética, poden ter diferentes complicacións. Nos últimos anos, ademais de polo embigo, téñense realizado extraccións de riñón a través da vaxina, polo que parece que se está a iniciar un camiño no que as cirurxías nas que sexa necesario introducir e extraer órganos ou instrumental do corpo humano se levarán a cabo con métodos moito menos intrusivos.
Carga un disco e ale, a pilotar helicópteros
Tódolos que algunha vez estudiamos temos un soño común: meter os coñecementos na cabeza en cuestión de minutos en lugar de aplicarnos cos libros.
Os protagonistas de Matrix viven esa maravilla, son moi habilidosos, expertos en multitude de artes marciais, manexo de armas e todo tipo de coñecementos que podan necesitar, os cales son asimilados e adquiridos en cuestión de segundos a través dun sinxelo programa cargado nun disco. Parece fácil, porque ao fin, cando estudamos e practicamos, o que facemos é refinar as conexións neuronais entre neuronas e entre estas e os músculos. Pois ben, parece que na realidade, se queremos seguir aprendendo teremos que continuar esforzándonos, pois non temos de momento a tecnoloxía necesaria para facer eses cambios no cerebro e non parece que nós vaiamos ver nada parecido.
“Se morres en Matrix, morres no mundo real”
No filme, os amigos de Neo advirten: se resultas ferido en Matrix, resultas ferido na realidade. Desta volta, semella que os guionistas si que tiveron unha idea disparatada para dar máis emoción á trama.
Se as neuronas que se activan cando recibes un puñetazo son estimuladas, vaiche doer e podes incluso moverte (por exemplo, levar as mans á zona do golpe), pero nunca sangrarías, romperías un dente ou terías un moratón, pois físicamente non rompeu nada. Sucedería algo similar a cando soñamos: podes caer por un barranco, sufrir na caída, golpearte no chan e (afortunadamente) espertar enteiro e sen danos. O que sucede é que en Matrix non espertarías e a sensación sería moito máis real, pois contan cunha tecnoloxía incrible, mais é imposible que tivese consecuencias físicas.
Este plantexamento é moi interesante, pois en realidade separan o corpo (que sigue na nave) e a mente, que vai a Matrix. Se atrapasen a mente e a eliminasen, o corpo debería seguir vivindo, sen danos, nun estado de morte cerebral.
Are you awake?