En abril de 2011 xuntámonos en Santiago de Compostela trinta divulgadores científicos para constituír a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica -nas súas siglas AGC CCT-. Procedíamos de ámbitos tan diversos como a docencia, a investigación, o xornalismo, os museos ou a empresa. As persoas que nos dedicamos a divulgar o coñecemento científico e tecnolóxico eramos conscientes da necesidade de contar cunha asociación que velase polas boas prácticas profesionais, ofertase formación específica, e servise como punto de encontro e de debate entre os seus asociados.

A asociación galega súmase ás xa existentes Asociació Catalana de Comunicació Científica e Asociación Española de Comunicación Científica. Por votación dos socios acordouse utilizar a denominación Divulgacción como nome curto da asociación. Entre os obxectivos fundacionais da asociación destacan o fomento da divulgación científica rigorosa e de calidade, e a promoción da profesionalización do sector.

Aquí podedes escoitar a entrevista a Manuel Vicente, o noso primeiro presidente falando de divulgación científica e dos recursos que proporciona a nosa web