Punto-salnes

A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (Divulgaccion) leva por primeira vez o seu evento de divulgación científica coñecido como “Punto Científico” á comarca do Salnés, en colaboración cos Concellos de O Grove e Sanxenxo. Este sábado, 19 de setembro, celebrarase un dobre Punto: ás 12:00 horas na Rúa Hospital no Grove e ás 17:30h na Praza Pascual Veiga en Sanxenxo.

O “Punto Científico” é un formato de divulgación científica introducido por Divulgaccion, que combina mini-charlas e obradoiros a pé de rúa para todos os públicos e que xa foi testado con éxito noutras localidades como Ourense, Carnota, A Coruña e Santiago de Compostela. A actividade é aberta e gratuíta e está adaptada para todos os públicos.

Ciencia e entretemento para animar a fin de semana

Aqueles que se nimen a pasear polas rúas destas dúas vilas a xornada do sábado poderán aproveitar para aprender algunha curiosidade científica da man dalgún dos nove participantes no evento de divulgación. Os temas sobre os que versarán as súas intervencións son moi diversos: a luz, a neurociencia, a astronomía, as matemáticas, a epixenética ou as vacinas, así como obradoiros sobre bioloxía molecular, observación astronómica e nanotecnoloxía. O obxectivo deste Punto é achegar o coñecemento científico e tecnolóxico ao público xeral dun xeito lúdico e entretido.

Nos Puntos intervirán o doutor en Química e divulgador científico Manuel Vicente coa charla “Luznáticos”, con motivo do Ano Internacional da Luz 2015. No ámbito da neurociencia, Casto Rivadulla online casino e Xurxo Mariño, profesores da Universidade da Coruña e divulgadores con grande experiencia na organización de cafés-científicos, impartirán cadansúa charla sobre o cerebro. Tamén intervirá Elena Vázquez, profesora da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, para explicar algunha curiosidade neste campo. Pola súa banda, o astrónomo Borja Tosar amosaranos unha “Postal planetaria”. Borja Merino, autor do blog Destejiendoelmundo.net, falará sobre as vacinas e Roberto Carlos Agís-Balboa, investigador do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, sobre a epixenética e as enfermidades neurodexenerativas como o Alzhéimer.

Ademais haberá tres obradoiros: o obradoiro “Bioloxía molecular na cociña” organizado polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC; e os obradoiros #nano ¡BOOM! e “Obradoiro de Observación Solar” impartidos por Emilio Castro Otero, membro da Rede Internacional “José Roberto Leite” de Divulgación e Formación en Nanotecnoloxía.

Descarga aquí os carteis:

Punto Sanxenxo

Punto O Grove