Un ano máis a Asociación Galega de Comunicación e Cultura Científica e Tecnolóxica (AGC CCT) DivulgAcción participa en Culturgal, a feira galega das industrias culturais máis importante
O Punto Científico celebrarase o sábado 2 de decembro de 11 a 13.00h. É unha actividade apta para gozar en familia.
Coa súa presenza neste evento, Divulgacción quere, entre outros obxectivos, facer patente que a ciencia tamén é cultura
Comparte o espazo “Ciencia á Feira” coa Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia (co apoio do Instituto de Investigacións Mariñas IIM -CSIC)
Un ano máis a Asociación Galega de Comunicación e Cultura Científica e Tecnolóxica (AGC CCT), máis coñecida como DivulgAcción participa en Culturgal, a feira galega das industrias culturais máis importante. Cultugal celébrase o primeiro fin de semana de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, acadando este ano a súa décima edición.
Coa súa presenza neste evento, unha data establecida no calendario cultural e moi consolidada, Divulgacción quere, entre outros obxectivos, visibilizar que a ciencia tamén é cultura e que como tal debe ocupar o seu lugar no sector.
A actividade
O Punto Científico celebrarase o sábado 2 de decembro de 11 a 13.00h no “Espazo infantil”, pero dende a organización comentan “a pesar de que as actividades teñen lugar no Espazo Infantil, cómpre sinalar que están dirixidas a adultos e algunas delas están adaptadas ao público infantil. Trátase dunha actividade apta para gozar en familia”. Comparte cartel, baixo o título de “Ciencia á Feira”, coa Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia (co apoio do Instituto de Investigacións Mariñas IIM -CSIC).
O programa de Divulgacción comezará ás 11.00h e rematará ás 13.00h. Máis abaixo poden atopar o programa. Os horarios dentro nesa franxa son aproximados.
Programa
11.00h Presentación de DivulgAcción e introducción ao Punto Científico “Ciencia á Feira”
11.05h Introducción do obradoiro Un bosque no peto, con Conchi Sánchez e Nieves Vidal de IIAG-CSIC Galicia.
11.20h Historia da informática en Galicia
Henrique Neira (Xornalista) Charla para dar a coñecer a cronoloxía da historia da informática en Galicia editada polo CPEIG.
11.35h Como interpretar un artigo científico.
Francisco Rodríguez Hernández (Instituto Español de Oceanografía). A velocidade que esixen os medios de comunicación desemboca moitas veces en erros graves sobre a interpretación de artigos científicos. Nesta charla discutirei sobre algunhas precaucións de cara a evitar malinterpretacións, poñendo un exemplo real: as proliferacións de cianobacterias en Canarias no verán de 2017.
11.50h Cuanto más primo… más me arrimo
Valentín Estévez Souto (Estudante de bioloxía da USC). Os riscos da endogamia e os seus efectos sobre a dinastía dos Austrias españois, explicando o caso da infertilidade de Carlos II “El Hechizado”
12.05h Estás seguro?
Casto Rivadulla, (Grupo Neurocom – UDC) Coñecendo mellor o noso cerebro
12.20h Minten os mapas?
Elena Vázquez Abal (Departamento de Matemáticas – Universidade de Santiago de Compostela)
12.35h Andar ás crebas
Luisa Martínez (CSIC Galicia), Non hai moto tempo a xente percorria as praias en busca de materiais e obxectos de valor traidos polo mar. Hoxe en día, camiñando pola area cos ollos curiosos, pódense atopar ademais organismo singulares que falan do que hai baixo as augas e non podemos ver.
12.50h SyngDoc: O descoñecido mundo dos signátidos
Pepe Pintado (CSIC Galicia)
11.00 a 13.00h Obradoiros Os obradoiros e exposicións desenvólvense en paraleo ás charlas.
Ciencia en Movemento, con varios experimentos científicos
Un bosque no peto, con Conchi Sánchez e Nieves Vidal de IIAG-CSIC Galicia
Biotecnoloxía na cociña, con Víctor Arce e Jose A. Costoya, do CIMUS-USC
Empregando ingredientes que podes atopar en calquera cociña, aillaremos o material xenético que contén as instruccións para facer un amorodo. Ademáis amosaremos como os lévedos nos axudan a a comprender mecanismos fundamentáis da Bioloxía
Quen é quen, Leonor Parcero
Pola súa banda, a UCC do CSIC-Galicia ofrece unha actividade na que os máis novos descubrirán como viven os cabaliños de mar e os peixes pipa. Levarán mostras de laboratorio para ver na lupa, alimento vivo como o que se lles da nos acuarios e tamén recursos audiovisuais resultantes do documental “Syngdoc: o descoñecido mundo dos singnátidos” (financiado pola FECYT – MINECO) co que aprenderán sobre a bioloxía, ecoloxía, evolución e conservación destas especies e as técnicas de cría en cautividade. A actividade inclue unha mostra de 6 ilustracións científicas das especies de signatidos que hai nas costas galegas e alguna outra sorpresa.
A asociación Divulgacción
Divulgacción naceu no ano 2011, aglutinando a profesionais relacionados co mundo da divulgación científica, contando con xornalistas, comunicadores, investigadores, enxeñeiros, persoal de museos, profesores de universidade e secundaria, mestres… Perfís moi variados, ata sumar os preto de 130 socios cos que conta na actualidade.
Entre os seus obxectivos fundacionais, están a promoción da divulgación científica rigorosa e de calidade, a profesionalización do sector e o fomento da difusión do coñecemento científico ao público xeral.
Os Puntos Científicos
Os Puntos Científicos son unha das actividades máis representativas de Divulgacción. Celébranse habitualmente nas rúas e prazas galegas. Nos días de festa, de feira ou un día calquera un pode “tropezar” cun Punto Científico: brevísimas charlas e obradoiros dirixidos a público xeral para tratar de achegar a ciencia e a tecnoloxía a todos. Ofrecen a oportunidade de saciar a curiosidade sobre multitude de temas e… espertan novas preguntas. O público pode quedar escoitando dous minutos ou dúas horas.