Esta semana estreamos Ciencia Peregrina, un ciclo de charlas de divulgación de ciencia en localidades do Camiño de Santiago. Abordaranse temáticas como a astronomía, o coidado do patrimonio natural ou a meteoroloxía, todas elas asociadas á Ruta Xacobea
Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica en colaboración coa Xunta de Galicia, o programa Ciencia Peregrina, un conxunto de faladoiros divulgativos centrados en curiosidades científicas vinculadas ao territorio que terán lugar en distintos concellos do Camiño de Santiago como Portomarín, Lalín, Pontevedra e Ferrol.
O obxectivo dos organizadores é poñer a disposición do público local e dos peregrinos unha oferta científico- cultural que aborde campos tales como a xeoloxía, ornitoloxía, enxeñaría e astronomía desde unha perspectiva distendida.
O ciclo comezará este xoves ás 18,30 h. no Centro Cívico Torrente Ballester de Ferrol, cidade pola que pasa o Camiño Inglés, cun obradoiro titulado O Camiño de Santiago no país dos mil ríos a cargo da directora técnica da Domus, Patricia Barciela, e no que se realizarán actividades e experimentos cos que se afondará no patrimonio natural que acompaña á Ruta Xacobea, fonte de tradicións e lendas.
As árbores do Camiño será a actividade que se desenvolverá en Lalín o venres na Casa Museo Ramón María Aller a partir das 17,00 h. da man de Nieves Vidal e Conchi Sánchez do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia. Ambas tratarán a protección e conservación do entorno natural facendo especial mención ás árbores como parte do ecosistema neste concello de confluencia da Vía da Prata e do Camiño de Inverno.
En Pontevedra, unha das localidades polas que transcorre o Camiño Portugués, o enxeñeiro industrial e divulgador Jesús Fernández ofrecerá un espectáculo demostrativo-participativo chamado Ciencia no Camiño vinculado a diversos aspectos científicos como a enxeñaría civil, a meteoroloxía e tamén á Catedral de Santiago. Terá lugar o venres ás 18,00 h. na Casa da Luz.
Tamén o venres, ás 19,30 h., o Pazo Xeral Paredes de Portomarín (localidade do Camiño Francés) será o escenario dun diálogo sobre astronomía da man do físico e divulgador Dosi Veiga, no que explicará a relación das estrelas cos peregrinacións, como orientarse na noite e algúns dos mitos asociados ás constelacións máis sobranceiras.
Todas as actividades de Ciencia Peregrina son de balde, para todos os públicos e non é necesaria inscrición previa. Este programa forma parte do carácter descentralizador e participativo do Xacobeo 21, mediante o cal as actividades e programas vinculadas ao vindeiro Ano Santo se espallan polo territorio galego.