É moi probable que a morte do físico Jack Steinberger (1921-2020), o día 12 de decembro de 2020, pase absolutamente desapercibida para a inmensa maioría das persoas -isto entra dentro do razoable- pero tamén mesmo para a maior parte dos amantes da Ciencia.
Jack Steinberger foi un físico (especializado en Física de Partículas) que recibíu o Premio Nobel en 1988 pola súa contribución na comprensión da física dos neutrinos na década dos 70 do século pasado. Nese tempo, estas partículas eran tremendamente enigmáticas (aínda o seguen a ser nalgunhas das súas propiedades), pero grazas aos traballos deste físico (xunto cos de Leon Lederman e Melvin Schwartz, cos que compartiu o Nobel) o Modelo Estándar das Partículas Elementais -un dos maiores logros intelectuais do ser humano- recibíu o pulo definitivo. Ademais, e como consecuencia da mellor compresión dos fenómenos nos que os neutrinos estaban presentes, foi elaborada unha das grandes unificacións da Física no S.XX, a unificación electrodébil -que une dúas das catro interaccións fundamentais- e na que se viña traballando naqueles tempos.
Non se trae aquí a Steinberger só polas súas achegas científicas, aínda que como se vén de indicar no parágrafo anterior é un dos principais contribuintes á Física de Partículas. Hai miles de mulleres e homes que en distintos campos teñen levado comprensión e beneficios ao saber humano grazas as súas achegas científicas. A razón fundamental é a súa grandísima humanidade, pois, a pesar de ser un referente na Física durante moitos anos, foi unha home dunha humildade sincera que formaba parte fundamental da súa personalidade. Tiven a sorte de o coñecer hai case vinte anos no CERN (onde traballou durante máis de corenta anos, case ata a súa morte), e podo corroborar a súa cercanía, dispoñibilidade e sinxeleza con todo o mundo, e teñamos presente que compartíu traballos con algúns dos máis grandes científicos da historia da Física como Enrico Fermi ou Robert Oppenheimer.
Recordo unha charla que compartimos con el un grupo reducido de persoas naquel tempo. Levaba preparado un resume sobre a física dos neutrinos, pero mirándonos con gran tenrura preguntounos se non preferiríamos que falase deses grandes físicos cos que tivo ocasión de compartir os seus intereses. Deixo á lectora ou ao lector destas liñas que imaxine a resposta que lle dimos a esa pregunta.
Aínda que a vida foi xenerosa en tempo con el, pois vivíu ata os 99 anos, os seus inicios foron duros. Naceu en Alemania, e a súa pertenza á comunidade xudea obrigou a que no inicio da década de 1930, sendo aínda un neno, tivese que fuxir coa súa familia ante a presión antisemítica que se vivía no seu país natal naquel tempo. Chegou aos Estados Unidos de América e aí puido desenvolver a súa vocación científica, chegando a máis alta consideración que se lle pode otorgar a un home ou a unha muller en Ciencia. Pero el nunca esqueceu esa escola pública de secundaria americana – New Trier High School, en Winnetka, Illinois – na que se formou como adolescente, e cando recibiu o Premio Nobel entregou a ese centro escolar a Medalla Nobel que forma parte do galardón.
Desa humildade, que formaba parte do seu carácter, hai moitas outras historias que coñecen os que teñen pasado polo CERN nese gran espazo de tempo no que Steinberger formou parte desa organización científica. Era común velo camiñando dun lugar a outro polas rúas interiores dese gran laboratorio cun aspecto sempre informal e afastado de calquera protocolo ou boato. Compartía con calquera a súa conversación e sentábasa a comer en calquera mesa da cafetería normalmente con xente nova, mantendo conversación con eles e sen mencionar quen realmente era. Na maioría dos casos esa xente marchaba sen saber a dimensión científica do seu casual acompañante, aínda que imaxino cal debería ser a sorpresa daqueles que se enteraban despois de que estiveran compartindo cuestións de Física cun Premio Nobel.
Dedicou unha parte dos seus derradeiros anos á súa preocupación polo aforro enerxético, as enerxías “alternativas” e o medio ambiente, e isto leváme a última cuestión que quero apuntar. No ano 2010, a Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), publicou un número especial dedicado á Física, e eu, como un dos coordinadores dese número, escribinlle para lle solicitar unha colaboración. Só lle puiden prometer como “recompensa” que ese traballo aparecería nunha lingua na que el non publicara antes: o galego. Aos pouco días recibín un pequeno traballo titulado “A enerxía solar térmica: carta a un alumno dun instituto galego”[1] que forma parte xa da historia desa revista e da asociación que a publica.
Creo que non cómpren máis comentarios.
Jack Steinberger, un home bo.
[1] STEINBERGER J. (2010). A enerxía solar térmica: cartar a un alumnos dun instituto galego. BOLETÍN DAS CIENCIAS (Revista de ENCIGA). Ano XXIII, 70 (61-64). Santiago de Compostela.