O artigo orixinal de “Certo: xornal virtual do Barbanza” aquí. Contén vídeos. Agradecémoslle o xornalista o artigo feito con moito humor e cariño.
Divulgación arqueolóxica: a Torre dos Mouros, en Lira, un exemplo de como interesar á comunidade local e atraer visitantes
O profesor Gago explica unha das estruturas atopadas na Torre dos MourosLira, Carnota, 10 de febreiro de 2013. Onte, sábado 9 de febreiro, tivo lugar en Lira unha nova visita guiada á escavación da Torre dos Mouros, un estrano xacemento que foi escavado o pasado verán. Inda que nun principio os guías ían ser, alternativamente, o profesor de Xornalismo Manuel Gago e o arqueólogo Xurxo Ayán, ao final só falou o primeiro, coa aprobación do segundo, que ía para a ocasión disfrazado de ditador. A coincidencia coas datas do Entroido engadiu unha nota lúdica, ao tempo que surrealista, á visita, coa enigmática presencia dun personaxe cun gabán saído da película “Matrix”.
Este enigmático individuo resultou ser Esteban Fernández, microbiólogo
Na visita tamén houbo nenos, que o pasaron xenial choutando polas penas, alleos á explicación sesuda de GagoO outeiro da Torre dos Mouros, como explicou o divulgador Manuel Gago, segue a ser una atipicidade entre os xacementos arqueolóxicos galegos. É o dobre de grande que un castro normal (ten dúas hectáreas de extensión), non parece ter as características dos habituais poboados da segunda Idade de Ferro e tampouco se corresponde a súa estrutura coa dun castelo medieval. O que quedou claro, logo da tremenda roza de toxo e xestas á que se adicaron os numerosos voluntarios que colaboraron no proxecto, e despois do levantamento de muros e cachotería caída, é que o esforzo construtivo realizado para que en teoría non vivise permanentemente alguén alí segue a ser unha incógnita.
Entre os asistentes estivo o concelleiro de Cultura e Turismo de Carnota, Iván FrancoO profesor Gago ocupouse de poñer en referencia este xacemento coa abondosa presencia de xacementos, algúns únicos, en Carnota e arredores. Así, a visita serviu para abrir o abano de posibles lugares visitables, e incluso algúns que habería que escavar no futuro para ter un maior coñecemento do noso pasado máis remoto.