No marco das Festas do Barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela, haberá nesta edición un espazo dedicado á ciencia que leva por título “A voltas coa ciencia”. Neste contexto, a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (Divulgaccion) organizará un Punto Científico, un novo formato de divulgación científica que combina mini-charlas e obradoiros para todos os públicos, e que xa foi testado con éxito noutras localidades como Ourense, Carnota e A Coruña. A actividade, aberta e gratuíta, desenvolveráse na Praza do 8 de marzo o sábado 28 de xuño de 12 a 14 horas.
Unha opción entretida e educativa nun contexto festivo
A actuación dos científicos e divulgadores da asociación Divulgaccion contribuirá a darlle un toque didáctico á festa, sen desentonar co online casino ambiente xeral festivo da celebración. No Punto intervirán Casto Rivadulla, neurocientífico da Universidade da Coruña e divulgador con grande experiencia na organización de cafés-científicos, cunha charla titulada “Cambiando a realidade e predecindo o futuro”. Borja Tosar, astrónomo, falará dunha “Postal planetaria de rabiosa actualidade”. Tamén dentro do ámbito da astronomía, Salvador Bará, profesor de Óptica na Universidade de Santiago de Compostela, desentrañará o misterio da vida extraterrestre na charla “Extraterrestres: onde é a festa?”.
Manuel Vicente, director do programa de radio “Efervesciencia” da Radio Galega e divulgador, tratará o tema dos terremotos na súa mini-pílula titulada “O terremoto das 6”. Roberto Agis-Balboa, investigador do Instituto de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, falará sobre a epixenética –interacción entre a xenética e o ambiente- aplicada a doenzas neurodexenerativas, e Rubén Fernández da asociación Bricolabs, un grupo de persoas con inquedanzas relacionadas coa electrónica e o Hardware Libre, fará unha charla-demostración de robótica.
Pola súa banda, Conchi Sánchez, Puri Covelo e Nieves Vidal, investigadoras do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas do CSIC, explicarán o cultivo in vitro de árbores. Iolanda Casal, xornalista de El Correo Gallego especializada en Muller e Ciencia, falará da recentemente finada matemática galega María Wonenburger, e, por último, Esteban Fernández, microbiólogo e divulgador, falará sobre filtros cerámicos.