Un ano máis a Asociación Galega de Comunicación e Cultura Científica e Tecnolóxica (AGC CCT) DivulgAcción participa en Culturgal, a feira galega das industrias culturais máis importante 

O Punto Científico celebrarase o sábado 2 de decembro de 11 a 13.00h. É unha actividade apta para gozar en familia.

Coa súa presenza neste evento, Divulgacción quere, entre outros obxectivos, facer patente que a ciencia tamén é cultura 

Comparte o espazo “Ciencia á Feira” coa Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia (co apoio do Instituto de Investigacións Mariñas IIM -CSIC)

 

Un ano máis a Asociación Galega de Comunicación e Cultura Científica e Tecnolóxica (AGC CCT), máis coñecida como DivulgAcción participa en Culturgal, a feira galega das industrias culturais máis importante. Cultugal celébrase o primeiro fin de semana de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, acadando este ano a súa décima edición.

 

 

Coa súa presenza neste evento, unha data establecida no calendario cultural e moi consolidada, Divulgacción quere, entre outros obxectivos, visibilizar que a ciencia tamén é cultura e que como tal debe ocupar o seu lugar no sector.

A actividade

O Punto Científico celebrarase o sábado 2 de decembro de 11 a 13.00h no “Espazo infantil”, pero dende a organización comentan “a pesar de que as actividades teñen lugar no Espazo Infantil, cómpre sinalar que están dirixidas a adultos e algunas delas están adaptadas ao público infantil. Trátase dunha actividade apta para gozar en familia”. Comparte cartel, baixo o título de “Ciencia á Feira”, coa Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia (co apoio do Instituto de Investigacións Mariñas IIM -CSIC).

O programa de Divulgacción comezará ás 11.00h e rematará ás 13.00h. Máis abaixo poden atopar o programa. Os horarios dentro nesa franxa son aproximados.

Programa 

11.00h Presentación de DivulgAcción e introducción ao Punto Científico “Ciencia á Feira”

11.05h Introducción do obradoiro Un bosque no peto, con Conchi Sánchez e Nieves Vidal de IIAG-CSIC Galicia.

11.20h Historia da informática en Galicia

Henrique Neira (Xornalista) Charla para dar a coñecer a cronoloxía da historia da informática en Galicia editada polo CPEIG.

11.35h Como interpretar un artigo científico. 

Francisco Rodríguez Hernández (Instituto Español de Oceanografía). A velocidade que esixen os medios de comunicación desemboca moitas veces en erros graves sobre a interpretación de artigos científicos. Nesta charla discutirei sobre algunhas precaucións de cara a evitar malinterpretacións, poñendo un exemplo real: as proliferacións de cianobacterias en Canarias no verán de 2017.

11.50h Cuanto más primo… más me arrimo

Valentín Estévez Souto (Estudante de bioloxía da USC). Os riscos da endogamia e os seus efectos sobre a dinastía dos Austrias españois, explicando o caso da infertilidade de Carlos II “El Hechizado”

12.05h Estás seguro?

Casto Rivadulla, (Grupo Neurocom – UDC) Coñecendo mellor o noso cerebro

12.20h  Minten os mapas?

Elena Vázquez Abal (Departamento de Matemáticas – Universidade de Santiago de Compostela)

12.35h Andar ás crebas

Luisa Martínez (CSIC Galicia), Non hai moto tempo a xente percorria as praias en busca de materiais e obxectos de valor traidos polo mar. Hoxe en día, camiñando pola area cos ollos curiosos, pódense atopar ademais organismo singulares que falan do que hai baixo as augas e non podemos ver.

12.50h SyngDoc: O descoñecido mundo dos signátidos

Pepe Pintado (CSIC Galicia)

 

11.00 a 13.00h Obradoiros Os obradoiros e exposicións desenvólvense en paraleo ás charlas.

Ciencia en Movemento, con varios experimentos científicos

Un bosque no peto, con Conchi Sánchez e Nieves Vidal de IIAG-CSIC Galicia

Biotecnoloxía na cociña, con Víctor Arce e Jose A. Costoya, do CIMUS-USC

Empregando ingredientes que podes atopar en calquera cociña, aillaremos o material xenético que contén as instruccións para facer un amorodo. Ademáis amosaremos como os lévedos nos axudan a a comprender mecanismos fundamentáis da Bioloxía

Quen é quen, Leonor Parcero

Pola súa banda, a UCC do CSIC-Galicia ofrece unha actividade na que os máis novos descubrirán como viven os cabaliños de mar e os peixes pipa. Levarán mostras de laboratorio para ver na lupa, alimento vivo como o que se lles da nos acuarios e tamén recursos audiovisuais resultantes do documental “Syngdoc: o descoñecido mundo dos singnátidos” (financiado pola FECYT – MINECO) co que aprenderán sobre a bioloxía, ecoloxía, evolución e conservación destas especies e as técnicas de cría en cautividade. A actividade inclue unha mostra de 6 ilustracións científicas das especies de signatidos que hai nas costas galegas e alguna outra sorpresa.

A asociación Divulgacción

Divulgacción naceu no ano 2011, aglutinando a profesionais relacionados co mundo da divulgación científica, contando con xornalistas, comunicadores, investigadores, enxeñeiros, persoal de museos, profesores de universidade e secundaria, mestres… Perfís moi variados, ata sumar os preto de 130 socios cos que conta na actualidade.

Entre os seus obxectivos fundacionais, están a promoción da divulgación científica rigorosa e de calidade, a profesionalización do sector e o fomento da difusión do coñecemento científico ao público xeral.

Os Puntos Científicos

Os Puntos Científicos son unha das actividades máis representativas de Divulgacción. Celébranse habitualmente nas rúas e prazas galegas. Nos días de festa, de feira ou un día calquera un pode “tropezar” cun Punto Científico: brevísimas charlas e obradoiros dirixidos a público xeral para tratar de achegar a ciencia e a tecnoloxía a todos. Ofrecen a oportunidade de saciar a curiosidade sobre multitude de temas e… espertan novas preguntas. O público pode quedar escoitando dous minutos ou dúas horas.