Estimadas señoras, estimados señores:
Recentemente tivemos coñecemento da celebración da feira BioCultura na cidade de A Coruña, evento que está apoiado polo propio Concello.
No programa figuraban charlas por parte de Xavier Uriarte e José Núñez, activistas antivacinas e impulsores do movemento Liga pola Liberdade da Vacinación. Ante este feito, diversas organizacións científicas e moitos cidadáns preocupados fixemos unha denuncia pública a través das redes sociais do acto. A consecuencia foi a cancelación do mesmo pola súa parte e por iso os felicitamos.
Queremos aproveitar esta carta aberta para recordar que as vacinas funcionan e que teñen salvado millóns de vidas. Alí onde non hai vacinas, hai morte.
Precisamente nestes días, a OMS alertaba de que se teñen cuadriplicado os casos de sarampelo en Europa, con 21.315 casos e 35 mortes. En moitos países están notando unha diminución da cobertura vacinal. Unha pequena baixada nas porcentaxes de vacinación pode rachar coa inmunidade de grupo producindo unha traxedia totalmente evitable e innecesaria que pon en risco, especialmente, aos cativos. Este mesmo organismo advirte de que os brotes se producirán mentres queden nenos e adultos susceptibles desprotexidos.
A concienciación da poboación ten, por tanto, un rol especialmente importante na erradicación destas enfermidades. E nesta tarefa, as administracións públicas teñen moito que dicir.
Por outra banda, non queremos deixar escapar a oportunidade de facerlles chegar a nosa valoración sobre estes contidos da feira. Facendo unha análise dos expositores e charlas, atopamos multitude de pseudoterapias e prácticas pseudocientíficas. Na mesma convocatoria a posibles expositores, faise unha relación do que chaman “terapias alternativas” aceptables. Ofrecen un ronsel de mentiras e prácticas anticientíficas que poden ter un efecto nefasto nas persoas doentes e vulnerables: acupuntura, aromaterapia, chamanismo, biomagnetismo, constelacións, homeopatía, reiki, reflexoloxía, rebirthing… e outras corenta e tantas invencións e supersticións. Estas prácticas non contan con respaldo científico, non porque non se saiba “por que funcionan” (porque non o fan) senón porque está demostrado científicamente que non funcionan.
Neste punto podemos pensar “Non funcionan, dacordo, pero se non fan nada, que mal poden facer?” Velaquí tres exemplos:
- As persoas que padecen enfermidades, a veces graves, poden abandonar o seu tratamento médico e substituílo por auga alcalina ou con azucre ou outras pseudoterapias, co correspondente risco para a súa saúde.
- Foméntase unha desconfianza xeneralizada fronte ao sistema de medicina, que está baseado en evidencia científica.
- Aliméntase o medo aos “produtos químicos”, cando calquera sustancia que consuminos, incluídos os produtos naturais, están feitos de química.
Neste punto, queremos salientar o perverso da situación porque por un lado se alimenta o medo e a desconfianza no sistema de saúde, e no mesmo contexto ofrécese unha “solución”, iso si, previo pago.
En resumidas contas, gustaríanos que neste tipo de feiras (e en todas) se desterrasen os contidos pseudocientíficos. Deste xeito, o fomento dunha economía e desenvolvemento sostibles, duns hábitos saudables, do consumo responsable e do coidado do medio ambiente non se verían eclipsados por cuestións que nada teñen que ver con eles.
O Concello de A Coruña, de onde partiu a Expedición Balmis, onde existen catro museos de ciencia e se organizan tantas actividades de divulgación de cultura científica, debería extremar a súa sensibilidade cara as cuestións relatadas en todos os actos que apoia.
Dende Divulgacción, formada por expertos de diferentes áreas, ofrecémonos a seguir proporcionando información e formación sobre o estado actual da evidencia científica de calquera práctica ou terapia.
Finalmente, gustaríanos facer un chamamento á cidadanía para que siga demandando ás súas institucións que se vele polo rigor e coherencia científica en tódolos actos patrocinados, promocionados ou difundidos por estas.
Novamente, agradecemos a súa rápida reacción e a cancelación das charlas antivacinas e quedamos á súa disposición.
Reciban un cordial saúdo,
DivulgAcción, Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica – AGC CCT