Formación para a comunicación e divulgación de ciencia
Organizado por DivulgAcción coa colaboración de Museos Científicos Coruñeses.
Xa está aquí a formación que todas e todos estabades agardando, a que nos permitirá mellorar a nosa capacidade de falar en público de ciencia.
A cita é o vindeiro sábado día 9 de novembro, na Biblioteca da Casa das Ciencias (Parque de Santa Margarita, s/n, A Coruña), a partir das 10.45h e ata as 15.00h.
Neste curso totalmente práctico (e de prazas moi limitadas) da man de Paula Carballeira non só aprenderemos como construír o noso discurso e organizar os contidos, senón tamén como verbalizalo e como utilizar o noso corpo para favorecer á claridade e interese da mensaxe.
O obradoiro está concebido para persoas interesadas na comunicación oral. Trátase de buscar os camiños que cadaquén percorre para contar a súa historia, a historia que quere transmitir, aproveitando os recursos propios de cada individuo (o seu corpo, a súa voz, o seu imaxinario, a súa formación, os seus gustos e disgustos, os seus referentes).
Obxectivos:
- Traballar o contido que se quere transmitir desde as pautas da comunicación oral.
- Buscar os recursos que cada persoa ten como comunicadora.
- Crear un ámbito propicio para a transmisión.
- Favorecer a escoita e o interese do público.
O custe da inscrición xeral é de 30€, mais temos outras tarifas que pode que se axusten ao teu perfil:
Xeral | Soci@ Divulgaccion | Soci@ Estudante/Desempregad@ | Socio AECC | Socio SciComPT |
---|---|---|---|---|
30€ | 15€ | 5€ | 24€ | 24€ |