Divulgacción, a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica, estará de novo na feira das industrias culturais máis importante: Culturgal, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro.
Divulgacción estará o sábado día 1 de decembro, tanto pola mañá como pola tarde. Pola mañá estaremos con obradoiros na zona chamada “Espazo infantil”, pero ollo! son para todos os públicos. Compartiremos espazo e ciencia á feira cos nosos compañeiros do CSIC.
Pola tarde estaremos contando ciencia baixo paraugas: ciencia baixo un sete parroquias. Busca os globos prateados e atoparás diferentes paraugas soltos pola feira. Se tes resgardas nalgún deles poderás escoitar interesantes charlas de ciencia.
Este é o programa completo:
De 11 a 14.00h, no Espazo infantil – OBRADOIROS
Obradoiro dos enigmas
Obradoiro lúdico para nenos/as maiores de 7 anos (incluídos) onde se resolverán varios enigmas, retos, misterios, problemas de lóxica, … dende un punto de vista científico. Con Jesús Fernández e Ana Margarida Rodríguez de Ciencia en Movimiento.
Biotecnoloxía na cociña
Empregando ingredientes que podes atopar en calquera cociña, illaremos o material xenético que contén as instrucións para facer un amorodo. Ademais amosaremos como os lévedos nos axudan a comprender mecanismos fundamentais da Bioloxía. Con José A. Costoya e Miguel González, do CIMUS.
Video xogo MatHex
Presentación do video xogo MatHex: http://www.usc.es//gl/proxectos/mathex/
O xogo foi deseñado no marco do proxecto “MatHex (FisiHex, BioHex, QuimiHex …) juego, estrategia y conocimientos” financiado ca colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e a Universidade de Santiago de Compostela. O videoxogo ten como obxectivo achega-la ciencia a todo tipo de público.
A dificultade do xogo é axustable para adaptarse a tódalas idades, desde a infancia ata a universidade, ou para o público xeral. A base do videoxogo consiste nun taboleiro formado por hexágonos, como no clásico xogo de mesa HEX, combinado con preguntas. Con Elena Vázquez Abal, da facultade de matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.
De 17:00 – 19:00h, Actividade Itinerante polo recinto do Culturgal – CHARLAS DE CIENCIA BAIXO UN 7 PARROQUIAS
Varios paraugas andan soltos pola feira! Se te resgardas debaixo deles poderás escoitar interesantísimas charlas de matemáticas, neurociencia, oceanografía ou microbioloxía e humor cun toque de ciencia.
Baixo os 7 parroquias poderás atopar a Jesús Fernández Alonso e Ana Margarida Rodríguez da Costa (Ciencia en Movemento), Casto Rivadulla (neurociencia, Universidade da Coruña), Elena Vázquez Abal (matemáticas, Universidade de Santiago de Compostela), Francisco Rodríguez (Instituto Español de Oceanografía), Conchi Sánchez, Puri Covelo e Anxela Aldrey (Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia), ou a Luisa Martinez (Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia) entre outros. Non deixes pasar esta oportunidade para falar de ciencia da man dos socios de Divulgacción. busca os globos prateados!