Como é sabido, estamos a celebrar durante este ano 2019 os 150 anos da publicación do primeiro Sistema Periódico dos elementos químicos e os 100 anos da creación da IUPAC (Unión Internacional de Química Pura e Aplicada. Por esta razón a UNESCO declarou o 2019 como Ano Internacional da Táboa Periódica.
Non é casualidade que a Real Academia Galega de Ciencias decidise adicar o Día da Ciencia en Galicia á figura de Tomás Batuecas Marugán. E isto é así porque este personaxe, primeiro catedrático de Química Física na Universidade de Santiago, estivo moi ligado á IUPAC durante as tres décadas que foi profesor en activo da nsoa universidade, e porque coa súas investigacións sobre masas atómicas permitiu mellorar a información sobre os elementos quimicos da Táboa Periódica.
Cando falamos da Química na universidade galega temos que nos ir ao S.XIX e lembrar a Antonio Casares Rodríguez, quen foi o primeiro catedrático de Química en Santiago, e a quen se lle adicou o Día da Ciencia den Galicia en 2012. Se pensamos na química galega no século XX, debemos necesariamente citar a Ignacio Rivas Marqués na química orgánica -homenaxeado en 2016-, a Francisco Bermejo Martínez na química analítica e a Tomás Batuecas Marugán na área de química física.
Coincidiu Batuecas naqueles tempos con persoeiros da talla de Ramón Otero Pedrayo, Ramón María Aller, Abelardo Moralejo, Ignacio Ribas, Antón Fraguas, Casimiro Torres… Estamos a falar dun grupo de profesores e investigadores probablemente irrepetible e que, con diferentes compromisos, levou a cultura galega a unha grande altura.
O profesor Batuecas mantivo contacto, ao longo da súa vida académica e investigadora, con algúns dos máis importantes especialistas europeos en química física e publicou nas revistas especializadas máis destacadas da área, en particular en Nature, nun tempo en que a universidade española e o propio país permanecían illados do resto do mundo. Pero ademais, nese tempo de escuridade social, política, económica e cultural, foi membro da Comisión Internacional de Táboas de Constantes, sendo elixido para o mandato de 1960 a 1963, presidente da Comisión Internacional de Pesos Atómicos. Baixo a súa presidencia, precisamente, esta comisión propuxo tomar como unidade de masa atómica a doceava parte da masa do isótopo 12 do carbono, que segue a estar vixente.
Tomás Batuecas mantívose ligado durante practicamente corenta anos, ata a súa morte en 1972, á universidade galega e creou, co seu maxisterio, a chamada Escola de Química Física compostelá. Xa que logo, por todo o que acabamos de expoñer, está máis que xustificada a decisión da Real Academia Galega de Ciencias de lle dedicar o Día da Ciencia en Galicia 2019.
O Consello da Cultura Galega vén de presentar unha unidade didáctica sobre a figura de Batuecas, da que é coautor quen isto escribe, co obxectivo de de dar a coñecer no mundo do ensino a obra científica deste singular químico, quen situou a ciencia galega nunha posición internacional á que nunca antes chegara.
Ver a unidade didáctica…