- O debate telemático poderá seguirse en directo a partir das 18:30 horas nesta ligazón
- O encontro rematará con preguntas formuladas polo público a través de Twitter
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020. – A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e TecnolóxicaDivulgacción xuntará este xoves, 2 de xullo, a representantes de cinco formacións que concorren ás eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro 12 de xullo nun debate que poderá seguirse por YouTube. Os representantes do PPdeG, PSdeG, BNG, En Común e Marea Galeguista discutirán a partir das 18:30 horas sobre as políticas de investigación e desenvolvemento (I+D) e de cultura científica nun encontro telemático que rematará cunha quenda de preguntas do público.
O debate, que se emitirá pola canle de YouTube de Divulgacción, contará coa participación de Borja Verea, candidato número 11 do PPdeG pola provincia da Coruña; Julio Torrado, número 4 do PSdeG pola provincia de Pontevedra; o investigador Hadrián Cordido, en representación do BNG; David Bruzos, número 1 de En Común pola provincia de Ourense; e Iván R. Lombardero, cabeza de lista da Marea Galeguista pola provincia de Lugo. O divulgador científico Manuel Vicente, membro da xunta directiva de Divulgacción e responsable do programa da Radio Galega Efervesciencia, moderará a sesión. O público poderá facer chegar as súas preguntas aos participantes través do mesmo YouTube e de Twitter, mencionando a @divulgACCION e empregando o cancelo #debateciencia.
Divulgacción agarda que o encontro permita coñecer os plans das principais formacións políticas e convide á reflexión sobre a importancia estratéxica da ciencia en termos de benestar social e económico. O debate terá lugar nun momento en que a comunidade científica galega e española volve a mobilizarse, en plena pandemia dende a Rede, baixo o lema “Sen ciencia non hai futuro”.
A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica naceu en 2011 e na actualidade conta con máis de 120 divulgadores e divulgadoras do mundo científico e tecnolóxico. Persoal investigador das tres universidades e doutros centros de I+D de Galicia, profesionais da comunicación da ciencia, profesorado de todos os niveis educativos ou persoal de museos comparten este proxecto que, alén de servir de punto de encontro e debate de preocupacións comúns, desenvolve tamén iniciativas para achegar a ciencia ao público xeral como os programas “Divulga na escola” ou os “Puntos científicos” a pé de rúa.