• Ramón Cid Manzano posted an update 10 years, 6 months ago

    Sobre o método científico e a Física máis fundamental.
    Hai apenas unha semana que no sitio web Euroscientist aparece un breve pero interesante artigo, de Alexander Unzicker e Sheilla Jones, sobre como a Física de Partículas pode erosionar o chamado método científico. O lector ou lectora pode seguir o artículo na ligazón indicada, pero de seguido facemos algunhas consideración na mesma liña que se sostén nel.
    Como é sabido, o método científico permite establecer, mediante unha serie de pasos, a validez científica dunha teoría en base a tres características fundamentais: obxectividade, intelixibilidade e falsabilidade.
    A primeira dela lévanos á que a teoría científica proposta debe ser allea a cuestións de carácter particular ou persoal. A segunda ten que ver co feito de que debe estar baseada en principios anteriores xa ben establecidos. A terceira dinos que a teoría pode ser probada por outros, e xa que logo pode ser demostrada a súa falsedade, se for así.
    O asunto do artigo que nos da pé ven en relación a certos corpos teóricos en estudo dentro da Física máis fundamental. En concreto cítanse varios modelos teóricos que están entre os máis estudados polos físicos da especialidade. Centrarémonos aquí na Supersimetría.
    A Supersimetría (ás veces chamadas “cariñosamente” SUSY) é unha propiedade proposta do universo, sendo unha das extensións mellor motivadas do Modelo Estándar da Física de Partículas. O estudo desta propiedade é un dos obxectivos dos experimentos de propósito xeral ATLAS e CMS do LHC (CERN_Xenebra).
    A Supersimetría implica que para cada tipo de partícula haxa outra asociada -supercompañeira. Trátase dunha réplica en forma de bosón se a partículas “normal” é un fermión e viceversa. Lembremos que os fermións e os bosón diferéncianse fundamentalmente polo espín (esa propiedades intrínsecamente cuántica que posúen todas as partículas fundamentais). Os fermións teñen espín semienteiro e os bosóns téñenno enteiro. Esta diferenza é básica para comprender o universo, pois as partículas con espín semienteiro son as que conforman a materia, mentres que as outras, por exemplo, conforman os campos de forza responsables da interacción entre as primeiras. Unhas poucas partículas e as interaccións entre elas son todo o que se precisa para explicar o universo, desde como funciona unha estrela ou como se forman os seres vivos.
    Pero volvamos á supersimetría. Así, a supercompañeira do electrón (fermión) é o chamado selectron (bosón). As supercompañeiras dos quarks (fermións) son os squarks (bosóns), mentres que a dun fotón (bosón) é o fotino (fermión). Estas partículas supersimétricas, ou spartículas, teñen a mesma carga pero espín diferente ao da súa compañeira. Así, por exemplo, o electrón ten espín 1/2, mentres que o selectrón ten de espín 0: e o fotón ten espín 1, mentres que o fotino ten espín 1/2.
    A Supersimetría describe unha nova imaxe do noso universo formado por pares de partículas, do que, polo menos de momento, só podemos ver unha delas. Quizais as outras sexan as responsables da misteriosa “materia escura”.
    O problema destas teorías é que presentan unha marxe de valores posibles para os parámetros teóricos que se derivan nel non perfectamente definido, e, daquela, aínda que a física experimental actual neste campo ( o LHC, por exemplo) non produza resultados en certas escalas das propostas para eses parámetros, os teóricos da supersimetría deféndena argumentando que hai outras escalas para eses parámetros que están por riba. É dicir, aínda que a física experimental actual poida descartar un rango deses parámetros da teoría, sempre se pode argumentar que a teoría segue sendo certa, simplemente cun valor distinto deses parámetros. E o problema é que investigar eses valores distintos está fóra das posibilidades da física experimental actual. Por exemplo, porque require unhas enerxías demasiado altas para producir as novas partículas, por ser estas moi masivas.das posibilidades experimentais actuais.
    Estamos pois ante a transgresión da terceira característica ou propiedade da que falamos ao comezo desta entrada: a falsabilidade.
    Os autores dos artigos reseñado cuestionan este procedemento pois entenden que toda proposta teórica debe ser concreta e precisa, a fin de que poida ser sometida a proba con especificidade. Láianse estes autores de que o que ten sido ata o de agora un proceder claramente aceptado pola comunidade científica pareza ter como excepción o que está a pasar coa Física de Partículas en relación a este asunto.
    Cómpre dicir que existen outros modelos, tamén reseñados no artigo, que incumpren máis clamorosamente aínda o principio de falsabilidade. Entre elas estarían por exemplo as famosas teorías de supercordas. Sen ben cos problemas mencionados anteriormente, a supersimetría si ofrece predicións a comprobar experimentalmente, como pode ser a existencia de novas partículas. En contraposición, a crítica habitual as teorías de supercordas é a ausencia total de ninguna predición verificable.
    Polo tanto, as teorías de supersimetría, en parte, pero sobre todo as de supercordas, poñen en entredito unha das características fundamentais dunha estratexia verdadeiramente científica, que tan importante ten sido para o progreso intelectual e material da humanidade.