Programa do Espazo da Ciencia

A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (Divulgaccion) participa por segundo ano consecutivo na programación das Festas do Barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela. Mañá sábado pola mañá, de 12 a 14h, no marco do “Espazo da Ciencia”, na praza compostelá da Angustia, socios da asociación realizarán un Punto Científico, un formato de divulgación científica introducido por Divulgaccion, que combina mini-charlas e obradoiros para todos os públicos e que xa foi testado con éxito noutras localidades como Ourense, Carnota e A Coruña e na anterior edición das festas do barrio. A actividade é aberta e gratuíta e está adaptada para todos os públicos.

O evento, no que participarán arredor dunha ducia de socios da asociación, incluirá breves charlas divulgativas sobre temas tan diversos como a luz, a neurociencia, novos materiais, oceanografía, matemáticas, bioloxía, biotecnoloxía, etc., así como obradoiros e unha exposición que mestura ciencia e arte. O obxectivo deste Punto é achegar o coñecemento científico e tecnolóxico ao público xeral dun xeito lúdico e entretido.

Unha opción entretida e educativa nun contexto festivo

A intervención dos científicos e divulgadores da asociación Divulgaccion contribuirá a darlle un toque científico á festa, sen desentonar co ambiente xeral festivo da celebración. No Punto intervirán o doutor en Química e divulgador científico Manuel Vicente coa charla “A luz vai tan rápido porque vai costa abaixo” na que explicará, con motivo do Ano Internacional da Luz 2015, como se mediu a velocidade da luz por primeira vez e como se pode medir na casa. Francisco Rodríguez, investigador do Instituto Español de Oceanografía, falará sobre as mareas vermellas na minicharla “As mareas vermellas, son algas tóxicas?”. María Ángeles Freire, profesora de bioloxía na Universidade da Coruña, explicará as semellanzas entre as células dos lévedos e as células humanas e algúns éxitos que se teñen acadado investigando con lévedos.

No ámbito da neurociencia, Casto Rivadulla, profesor da Universidade da Coruña e divulgador con grande experiencia na organización de cafés-científicos, impartirá a charla “As matemáticas no cerebro”, na que falará sobre as áreas do cerebro que se activan no procesamento matemático, por que moita xente ten problemas para aprendelas e porá algúns exemplos de situacións cotiás que demostran esta dificultade. Tamén Martina González, psicóloga e fundadora do Centro de Sexoloxía Con mucho gusto!, falará do cerebro, pero neste caso para explicar as súas reaccións en caso de namoramento, coa aportación “A química do namoramento: que me está pasando?”. Elena Vázquez, profesora da facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá a charla “Matemáticas na rua…. de San Pedro” na que contará algunha curiosidade matemática relacionada coa propia rúa de San Pedro. Para rematar coas charlas, Juan Aguilar, investigador do Hospital de Parapléxicos de Toledo, explicará na poñencia “O movemento consentido” sobre como aprendemos a facer movementos tan comúns como andar, tocar un instrumento, etc.

Ademais haberá tres obradoiros. Un deles será impartido por Conchi Sánchez, Puri Covelo e Nieves Vidal, investigadoras do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas do CSIC, que explicarán o cultivo in vitro de árbores. Outro obradoiro, coordinado por Pío González, investigador da Rede Galega de Biomateriais, no que se exporán mostras destes biomateriais. E, por último, o obradoiro “Biotecnoloxía na cociña” organizado polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC, no que se empregarán ingredientes de uso cotiá para desenvolver diferentes técnicas de bioloxía ou xenética molecular que permitan extraer e falar do ADN.

 

Paralelamente ao desenvolvemento do Punto, o programa de divulgación científica “Efervesciencia” da Radio Galega será gravado. Asemade, estará exposta durante todo o día a mostra “Ciencia ex aequo” da socia de Divulgaccion Margarita Cimadevila que mestura ciencia e arte.