Divulgacción patrocina, xunto con 5 asociacións astronómicas galegas, a oitava edición de AstroGalicia. Ao longo de dous días coas súas noites teremos charlas didácticas, seminarios específicos, observacións astronómicas diúrnas e nocturnas e actividades divulgativas polo medio.

As previsións climáticas, coas reservas oportunas, son excelentes. Pero tendo en conta o factor “california galega” que ten o val do Miño en Ourense, malo será que faga mal tempo.

É ideal para todos vós se queredes pasar un fin de semana en familia. Os acompañantes teñen unha ampla oferta lúdica no contorno: aluguer de pedaletas, kaiacs, pádel-surf no club náutico, visitas ao casco antigo de Ribadavia, visita a adegas de viño, sendeirismo, tomar o sol e bañarse no río… en outono!! E, para os socios de Divulgacción, a oportunidade de aprender moita astronomía desde a base, anotándovos no obradoiro de iniciación á astronomía.

O resto do programa é aberto ao público. Para as charlas didácticas contaremos con:
– Cristina Rodríguez López: astrofísica integrante do equipo que descubriu o planeta alfa Centauri B, o exoplaneta máis achegado a nós. Agora coordina o proxecto de ciencia cidadá RedPaleDot.

– Luis Cuesta: físico investigador no Centro de AstroBioloxía (INTA-CSIC) que nos falará da búsqueda de vida marciana.

– Javier Cacho: explorador polar e escritor. Foi xefe da base científica antártica Juan Carlos I e responsable da Unidade de Cultura Científica do INTA. Dará unha charla sobre auroras, a conexión Terra-Sol e as exploracións polares.

O venres 13 faremos unha cea temática astronómica e haberá moitas cousas máis especiais.

Máis info e inscricións:

– na web www.nauticocastrelo.com (a partires do luns 9/10/17).

– no foro www.astromania.es