Divulgacción organiza unha sesión “golfa” con The Big Van Theory o sábado, 14 de decembro, ás 21:30 h no bar Varadero (Vigo)
Aproveitando a xira por Galicia do grupo de monologuistas científicos The Big Van Theory, composta por finalistas e semifinalistas da 1ª edición do concurso de divulgación científica Famelab da Fecyt, a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGC CCT -Divulgacción) fichounos para ofrecer unha sesión “golfa” en Vigo. O espectáculo, que comezará ás 21:30 horas no bar Varadero (Rúa Montero Ríos, 28), consistirá nunha combinación de monólogos de divulgación científica en ton humorístico, dramatización e interacción co público. O espectáculo está dirixido a público adulto e a entrada é de balde.
The Big Van Theory é un grupo de monologuistas científicos creado para a divulgación da ciencia dun xeito ameno e asequible en bares, teatros, feiras científicas e outros eventos. Formado a raíz do concurso de divulgación científica FameLab, en marzo de 2013, actualmente conta con 12 investigadores en diferentes ámbitos da ciencia: bioloxía, química, matemáticas, física, xeoloxía, enxeñería. etc. Dende xullo de 2013 representaron máis de 40 espectáculos por toda España. Esta fin de semana estarán ademais o venres pola noite, ás 20h, no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía na Coruña de man da Fecyt, e o sábado pola tarde na gala de entrega de premios do concurso “Ciencia que Conta” ás 17.30h na Fundación Barrié en Vigo, tamén coa colaboración de Divulgaccion.