Co equinoccio de primavera, inauguramos nova sección en Divulgaccion.org: unha serie de artigos na que analizaremos a ciencia ou a ficción de filmes ou novelas de ficción científica. Abrimos cunha análise de Ender”s Game, O Xogo de Ender ou El Juego de Ender.

Ender_imaxe_AGCCCT

Autor: Leonor Parcero

Asesores científicos: Casto Rivadulla, Dosi Veiga, Esteban Vázquez

Unha das derradeiras estreas do ano 2013 arrastrou a milleiros de afeccionados da literatura de ciencia ficción do mundo ás salas de cinema. Ender’s Game (El Juego de Ender en España) prometía aventura, acción e sobre todo ensinarnos con todo detalle aquelas naves, aquela “escola de batalla” e esas viaxes interestelares coas que nos fixera soñar a novela (argumento moi resumido: setenta anos despois dunha guerra entre seres humanos e extraterrestres “insectores”, un neno é enviado a unha escola militar espacial, coa finalidade de ser preparado para una futura invasión que podería poñer punto e final á ameaza máis grande de tódolos tempos. Ese neno é o Ender do título, o noso protagonista e a través do cal coñeceremos o mundo).

EndersGameMonitor

Caluga de Ender no filme

Pero por que un neno, por qué Ender? Non tódolos nenos van á Escola de Batalla. Aos cativos instálaselles na caluga o que se coñece como “monitor”, un aparato que fai que os reclutadores saiban qué pensa e qué fai o suxeito, facilitando a escolla dos candidatos á misión de salvar o mundo.  A pesar das ganas que tiñamos de velo en acción, na película apenas se fala deste dispositivo e non se aprecia o seu funcionamento, así que seguimos preguntándonos: como funcionaría este dispositivo na vida real?

O cerebro está formado por milleiros de millóns de neuronas conectadas unhas con outras, que utilizan un código binario (uns e ceros) para codificar os sinais. Cada sinal non está codificado por unha soa neurona senón por milleiros delas, o que fai máis difícil descifrar este código. Imaxina que estás nunha festa e mándanche unha mensaxe, pero esa mensaxe non ven só do que che di a persoa que tes enfronte, senón das cincocentas repartidas polo campo da festa. E ademais, o importante é o que digan entre todas, de tal forma que o papel de cada unha pode cambiar nun momento concreto sin que a mensaxe final mude. A complexidade e a diversidade das mensaxes posibles fan que aínda non sexamos capaces de ler ese código coa precisión que nos explica a historia de Ender, pero non é desatinado pensar que no futuro un ordenador implantable sexa capaz de leer e interpretar esa linguaxe.

De feito, se collemos o grupo de neuronas responsables dunha acción concreta (mover un brazo) e estudiamos como responden esas neuronas cada vez que movemos o brazo, somos quen de atopar elementos que se repiten, somos capaces polo tanto de leer un pensamento, incluso de pasarlle este pensamento a unha máquina e facer que se mova.

Outra das peculiaridades do mundo de Ender é que cando son reclutados, os rapaces pasan a estudar na “Escola de Batalla”, que está en órbita. Nesta escola, de réxime militar, os mozos están divididos en equipos que xogan entre eles á guerra, practicando estratexia no que chaman “salas de batalla”, con gravidade cero.

Nos cuartos, nas clases e nos corredores, a gravidade é similar á da Terra, mais ao final de certos corredores e ao traspasar a derradeira porta, atópase un espazo enorme no que non hai gravidade e no que únicamente hai salpicados uns poucos elementos (que chaman estrelas) para simular unha batalla no espazo. Resulta espectacular ver estes xogos e batallas na pantalla grande. Ao principio, vemos como os pobres reclutas perden completamente o sentido da orientación e o control sobre os seus movementos, porque na Terra non se experimenta a gravidade cero… pero poderiamos simulala? E nunha nave, podemos montar salas como esas, “agora gravidade si, agora non”?

ENDER

Corredor e sala de batalla… gravidade si, gravidade non

A resposta é que non. A gravidade non se pode conectar e desconectar a gusto. É provocada pola presenza da masa e a masa é unha propiedade intrínseca da materia. Ora ben, Einstein explicou na súa Teoría da Relatividade Xeral que un sistema gravitatorio é similar a un sistema en aceleración. E velaquí que temos unha pista sobre como simular a existencia de gravidade cero, cos mesmos efectos e indistinguible da ausencia da mesma: a caída libre. Un ascensor que baixa moi rápido, un avión en caída libre ou a propia Estación Espacial Internacional que, realmente, está caendo constantemente cara a Terra. Tamén serviría o movemento centrífugo ou rotacional, moi empregado no xénero da ciencia ficción, con naves circulares que xiran e crean esa gravidade por acción da forza centrífuga. Unha das últimas películas nas que vimos este recurso foi en Elysium, coa estación espacial na que pasan a vivir os privilexiados fuxindo dun planeta Terra hiperexplotado e devastado.

A salvación de Elysium estaba nesta estación

A salvación de Elysium estaba nesta estación

Porén, a realidade de Ender desperta en nós aínda máis preguntas: que pasa coas viaxes a outras galaxias? Como se dirixirá a guerra dende a Terra, como son as comunicacións? Sentímolo moito, pero as comunicación tal e como se nos presentan habitualmente nas novelas e nas películas son imposibles.

Esa imposiblidade resólvese na ficción, que todo o pode, coa invención do ansible, un dispositivo hipotético de comunicación máis rápida que a luz. Foi “inventado” pola escritora Ursula K. LeGuin no 1966, na súa novela Rocannon”s World e posteriormente aparece en numerosas novelas e películas do xénero.

Na realidade,  a relatividade especial de Einstein explícanos a imposibilidade deste sistema, xa que o límite físico o impón a velocidade da luz e esta só é posible para materia sen masa. Unha posibilidade teórica que si se podería discutir para as comunicacións sería o entrelazamento cuántico, mais aínda está moi lonxe de poder ser empregado para isto.

enders-game-final

Ender manexa unha interface home-máquina xestual e sen pantallas de por medio

Para non pechar este pequeno repaso á tecnoloxía de ficción cun imposible, pensemos en analizar algunas das escenas de cara ao final da película. Na última parte do adestramento de Ender, vemos como o protagonista dirixe as naves nun simulador que manexa con xestos do seu propio corpo. Aínda que de momento a visualización da simulación tal e como se nos presenta non é posible sen un soporte, sen unha pantalla, as interfaces home-máquina existentes nos permiten manexar os dispositivos sen tocar nin un só mando. Moitos xa o estades a experimentar na casa a través de aparatos coma o Kinect para Xbox. Quen sabe se nuns anos prescindiremos tamén das pantallas e veremos as imaxes flotando no aire.

Queda claro que moitas tecnoloxías da ficción teñen base científica, así que teremos que prestar atención cando leamos ou vaiamos ao cine, porque pode que estemos vendo os trebellos do futuro.