A pasada fin de semana celebramos un Punto Científico nas Festas do Barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela.
O día abriu despexado e soleado, con temperaturas propias destas datas de verán. Nada máis chegar á praza da Angustia montamos as mesas e os materiais para os obradoiros e a iso das 12 comezamos.
Os obradoiros que estaban disponibles para todo o público foron do máis variado: unha demostración e un “faino ti mesmo” de como funcionan os submarinos, con Ramón Cid (Catedrático de Física e Química), que tivo unha grandísima afluencia de nenos; a biotecnoloxía na cociña, onde se podía extraer ADN de amorodo da man de Jose A. Costoya e Miguel González, ambos do CIMUS (USC); o taller con pigmentos con Francisco Rodríguez do IEO; o espectáculo da maxia da química con Tino Álvarez do IES Rosalía de Castro e o bosque tamaño peto coas investigadoras do CSIC, todos eles con grande participación.
En canto ás charlas, abrimos cunha pequena referencia a mulleres importantes dentro da historia da ciencia, con Leonor Parcero, que mostrou os incribles retratos que destas mulleres fixeron as nosas colaboradoras do proxecto colaborativo Ilustrísima’s, que nolos cederon para esta ocasión.
Tamén falamos do cerebro, con Casto Rivadulla (Neurocom-INIBIC- Coruña) e desmontamos mitos dos que todos temos oído falar: que só usamos o 10% do cerebro, que hai un cerebro esquerdo e un cerebro dereito… ou que as vacinas poden provocar autismo. Mitos todos sen respaldo científico.
José Rodríguez, estudante da USC, falounos de virus e bacterias e, entre outras cousas, de cómo non debemos confundirnos e utilizar antibióticos cando non toca.
Tamén Manuel Vicente, de Efervesciencia, participou cunha pequena intervención titulada Eu crispeo, tis crispeas, eles crispean!, na que nos descubriu un avance que supón unha revolución sen precedentes en xenética.
Para rematar, e como traca final, contamos coa colaboración especial de Alba Aguión, gañadora do certame nacional de monólogos científicos FameLab e segunda clasificada a nivel europeo, que nos contou un contiño con cigarras e formigas.
Un Punto científico redondo en resumo, unha mañá de festa e de ciencia.
Grazas barrio de San Pedro por ternos convidado a festexar convosco!
[Todas as fotografías son de Esteban Vázquez]