Para ler:
- Terra, Xurxo Mariño (Xerais). Durante 9 meses o divulgador científico Xurxo Mariño percorre o mundo xunto coa súa compañeira Eli. “Terra” é un diario da viaxe singular no que se mesturan, alén da paisaxe e a paisanaxe, as observacións científicas e o espírito curioso de Xurxo Mariño.
- Todo es cuestión de química, Deborah García Bello (Paidós Ibérica). Non abundan os libros de divulgación científica sobre a química. Nesta obra Deborah Garcia Bello amosa as principais ideas desta ciencia cunha linguaxe clara valéndose de fenómenos cotiás.
- E fixemos a luz!, Salvador Bará (Biblioteca de Divulgación, USC) Un libriño que pasea polos nosos coñecementos sobre o que é a luz ao longo da historia. Inzado de ideas para “facermos na casa” e comprender algúns dos conceptos e historias que conta Salva.
- Dibujo astronómico, de Leonor Ana Hernández (Marcombo). Un libro que explica como debuxar obxectos astronómicos que, simplemente, é unha delicia de ler. Aínda que non queiramos debuxar. A autora é unha apaixoada da observación a simple vista e o transmite na obra. E as ilustracións son fermosas.
- A que altura está o ceo? Jorge Mira, María Canosa, Daniel Padrón (Alvarellos) Durante toda a historia a humanidade ven intentando dalgún xeito responder á pregunta do título deste libro. Canto mais coñecemos maiores son as fronteiras do universo. Este é un libriño que se le rápido e con gusto, ideal para adultos curiosos e a rapazada de secundaria en diante.
- Caer de cu polo universo. Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo (Apiario) Sabemos onde queda o cu do mundo? Un conto para que os mais pequenos temén exploren o noso universo.
Para gozar:
- Ceos Galegos 2018: calendario para compartir coa familia. Cun tamaño mural de case medio metro de ancho ao longo de 14 imaxes fermosas aparecen moitos temas. Solpores, literatura, astronomía, mitoloxía… comentadas polo tradutor ao galego da páxina da NASA Astronomical Picture Of the Day, X. Dosi Veiga.
- Uns prismáticos de 10×50, cómodos, lixeiros e prácticos para levar sempre no coche. Valen tanto para mirar a natureza de día como iniciarse á astronomía de noite. Flipa coa contemplación da lúa cuns simples prismáticos. E podes complementalo cun planisferio celeste.
- Makey Makey. O Makey Makey é un dispositivo que convirte calquera obxecto, mesmo ás persoas, nun teclado do teu ordenador co que facer música e mil cousas mais. Para os que vos gusta cacharrear a partir dos 7 anos.
- Clásicos xogos de construción, mecanos, figuras... en xeral calquera que se poida usar de diversos xeitos e que poidamos xogar en familia.