Este venres 1 de xuño, de 17.30 a 19.00h, os nosos socios Luisa Martínez (Vicepresidenta; oceanógrafa da UCC do CSIC Galicia), Elena Vázquez (matemática da Universidade de Santiago de Compostela), Casto Rivadulla (neurocientífico da Universidade da Coruña) visitan a Aldea do Couto (Ponteceso).
Coa Fundación Eduardo Pondal, desenvolveremos unha actividade para a Universidade do Rural pero aberta ao público interesado, un encontro destinado ao intercambio de coñecemento entre os relatores e os asistentes. Elena, Luisa e Casto comezarán o diálogo con cadansúa charla:
Elena Vázquez Abal decubriranos que, dende as cordas de 12 nudos dos exipcios ata os ferrados da costa da morte, a xeometría sirve para fixar os marcos das fincas; Luisa Martinez fará un repaso polo léxico mariñeiro das Rías de Corme e Laxe recordando a viaxe da investigadora Mª Carmen Rios Panisse á zona; e por último Casto Rivadulla contará que pasa no noso cerebro mentres aprendemos, cando lembramos ou esquecemos o xa aprendido, e algún consello para mellorar a memoria.
A actividade Ciencia no rural: Ferrados, memoria e algún becho terá lugar na Casa dos Veciños, que está en O Couto 56 (Aldea do Couto, Ponteceso).