Onte pola tarde, a partir das 17.00h tal como estaba previsto, desenvolveuse o II Encontro de Divulgacción na Casa das Asociacións de Santiago de Compostela.

Con máis de trinta asistentes e outros tantos grados de temperatura, gozamos dunha xornada de intercambio de experiencias, ideas e proxectos que culminou cunha cea no centro da cidade

Abriu a quenda de relatorios Marcus Fernández, que nos contou como Código Cero chegou a converterse no que é hoxe en día: unha magnífica publicación sobre tecnoloxía, feita en Galicia e en galego, con 12 anos de historia e o respecto e respaldo do sector. Ademais de contarnos a traxectoria da revista, puxo á audiencia nun apuro, ao lanzar un desafío con respecto ás personaxes que lucía na súa camisola ao comezo da súa charla (un desafío que non imos resolver aquí).

A continuación, Clara Bea e unha compañeira observadora de nubes, faláronnos da súa experiencia no I Congreso Internacional de Observadores de Nubes,  presentándonos as diferentes actividades de ocio relacionadas coa meteoroloxía e as nubes das que puderon gozar naquelas datas.

Luis Navarro puxo o punto artístico da tarde, presentándonos as curtos de animación en 3D que el, xunto co seu equipo de investigadores, infografistas e animadores (que traballa baixo a denominación de Divulgare producen para divulgar as interaccións entre as plantas e animais . Luis e máis o seu equipo acaban de ser recoñecidos cunha mención de honra do Festival Ciencia en Acción. Este premio é o último dunha lista de recoñecementos e loanzas ao seu bo facer no campo da divulgación científica, máis onte o que tocaba era comentar coa audiencia os problemas e as trabas atopados e os camiños que se tomaron para sortealos e chegar ao momento actual.

Para pechar o primeiro bloque, Francisco Doménech (@fucolin), técnico dos Museos Científicos Coruñeses e responsable entre outras cousas da páxina web, ofreceu algo máis de media hora de consellos sobre diferentes ferramentas 2.0 que cun correcto enfoque poden resultar moi útiles de cara á divulgación da ciencia.

Relator convidado

No segundo bloque, Manolo Gago (@magago, www.patrimoniogalego.net, www.capitulocero.org)  foi o noso relator convidado. Con máis tempo para comentarios e preguntas, as propostas de Manolo abriron un interesante debate sobre a divulgación científica, que nas súas verbas “necesita construir o seu público” e “crear produtos” para darlle unha nova vida á producción científica. Segundo nos transmitiu ao longo da súa estupenda charla, segundo a súa experiencia é moi interesante pensar “en clave local, en comunidades humanas reducidas con intereses moi concretos”, así como “reinventar a relación cos medios tradicionais e promover as novas cabeceiras nicho”. Un dos puntos que xerou máis debate, foi a proposta de conectar diferentes tipos de cultura, como por exemplo conectar científicos con creadores.

Asemblea

Entre os dous bloques tiveron lugar (coa presenza exclusivamente de socios) as Asembleas ordinaria e extraordinaria, nas que entre outras cousas, aprobáronse as contas e renovouse a Directiva por un exercicio máis.

Moitas grazas a todos por acudir!